5/15/2009

Defendamos o albergue de Vigo

Para o BNG é moi necesario facer fronte ao actual contexto de crise económica, o que provoca que cada vez nos atopemos con maiores índices de vulnerabilidade, perda de autonomía persoal e aumento das situacións de exclusión social.

Na nosa cidade son máis de 300 persoas as que diariamente dormen na rúa. Por outro lado, son moitas máis persoas as que acoden aos comedores sociais existentes en Vigo e a outros dispositivos de apoio municipais.

Co fin de facer fronte a estas situacións de pobreza extrema, a Xunta de Galiza comprometeu na pasada lexislatura a creación en Vigo do primeiro Centro de Público Integral de Inclusión Social de Galiza no edificio coñecido como a “Gota de Leite” e que é de titularidade autonómica. Dito centro cumpriría as funcións de atención profesional a todas as persoas e familias que sufran unha falla de recursos económicos severa ou calquera outro factor de exclusión social ( privación de vivenda, déficits educativos, enfermidade etc.) Esta instalación ofertaría servizos de centro de día, albergue e comedor social entre outros.

Por todo isto, o BNG insta á actual Xunta do Partido Popular a que tome xa unha decisión en firme sobre a ubicación do citado centro, entendendo que o edificio da “Gota de Leite” é o único que cumpre con todos os requisitos esixibles. Así mesmo, o BNG quere amosar o seu máis firme apoio aos diversos colectivos sociais da nosa cidade que se están a mobilizar demandando a súa inmediata apertura. Neste sentido, o BNG súmase á convocatoria dunha cadea humana en torno ao edificio da “Gota de Leite” (Rúa Ronda Don Bosco, a carón do Concello) e anima á participación de todas e todos neste xesto solidario.

Participa na cadea humana
xoves 21 ás 8 da tarde

Nenhum comentário:

Postar um comentário